Nos días que estivemos no sur a miúdo bromeabamos co nome dunha fermosísima praia dos arredores. Así, o cativo preguntaba: A que praia imos hoxe?, ao que nos respostabamos: A Puxeiros. Logo de pensalo un pouco, o rapaz escachaba coa risa. A praia chámase Porto de Mós, e, claro, os que coñecen a bisbarra de Vigo saben que o alto (e aos lugares altos chámaselles con frecuencia portos) máis famoso á beira do concello de Mos non é outro que Puxeiros. De aí a chanza.
Por certo, a foto é preto do citado lugar, tirámola dende unha barca na que fixemos a famosa ruta das grutas (en Lagos), á que nós, tamén para rir un pouco, lle chamabamos a ruta das “brutas”.
“Movemento alternativo de algo en dous sentidos opostos”. Esa é en galego a definición de “vaivén” e encaixa perfectamente co nome do barquiño da foto. En Lagos, para acceder a un areal ao que lle chaman “Meia praia” (de dimensións quilométricas, así que imaxinade como será a “praia enteira”) cómpre dar un bo arrodeo para salvar o brazo de mar duns 50 m de largo e máis dun quilómetro de longo que se mete na cidade, deixando a un lado o típico paseo marítimo e ao outro os portos pesqueiro e deportivo, e a antedita praia (botádelle un ollo á imaxe tirada de Google maps para facervos unha idea). Entón, se vas a pé, tes dúas posibilidades: ir ata o quinto inferno ata encontrar unha ponte, ou coller o atallo, é dicir, montar no “vaivén”, que por 60 céntimos bascúlate na outra beira en cuestión de segundos. Así que, xa se sabe, o que sobe, baixa e o que vai… vén.
Mirando esta imaxe, recollida en Lagos, non puidemos deixar de pensar no fermoso que sería que os bombeiros non tivesen traballo e as motobombas quedasen simplemente para adornar glorietas. De momento, no que a lumes forestais se refire, parece que o verán se presenta tranquilo. Crucemos os dedos e agardemos que así sexa.
En Busca de Klingsor, de Jorge Volpi, unha novela científica cuxo maior mérito foi o de poñernos ao día sobre as personalidades da física na primeira metade do século XX. Un libro interesante que tece unha trama sobre a carreira atómica nazi.
A pensión Eva, descoñecedores que somos da obra de Camilleri, pareceunos unha típica comedia italiana que trivializa a traxedia da Segunda Guerra Mundial nunha vila siciliana. Divertida.
Defraudounos un pouco Marina, de Carlos Ruiz Zafón, porque a pesar de ser capaz o autor de imprimirlle ritmo e tensión, os enxendros antagonistas (seres metade homes, metade títeres) perfiláronse ás carreiras, facendo un relato de consumo rápido. Isto último conseguiuno.
E rematamos cun autor galego, Antón Riveiro Coello, que N’Os ollos de K consegue construír un exercicio orixinal de literatura, a trama real camiña parella da trama ficticia que o protagonista, escritor el, vai relatando na súa última novela. Gustounos, aínda que a prosa lustrosa do limiao ás veces chega ao empalago e o argumento de novela negra en ocasións semella demasiado previsible.
Nunca nos gustou ir de compras, e menos ás rebaixas. Mais, como a roupa fai falta (e os cartiños tamén), hoxe collemos o andante, escoltados polos nenos, cara ao que noutras circunstancias sería todo un calvario. Porén, non foi así. Xa ao chegar ao centro comercial notamos algo raro, había sitio abondo onde aparcar. Desconcertados, dirixímonos á primeira tenda a mercar roupa de adultos, había máis dependentas ca clientes (dúas contra un); despois fomos a outro establecemento, esta vez a por roupa de nenos, e a ecuación repetiuse, esta vez os clientes eran dous, unha nena e mais a súa nai. Por último, fomos ao híper e, afortunadamente para nós, a proporción persoal-compradores volveuse repetir. Que marabilla! Nun par de horas mercamos o necesario e aínda nos sobrou tempo para tomar un café. Conclusión: hai crise, carallo se a hai!
Hai tradicións institucionalizadas e outras que non, hai tradicións colectivas e outras que non, en fin, hai tradicións. Unha destas tradicións lévanos todos os anos polos montes de Xunqueira de Espadanedo a ver o rallye de Ourense. Xuntámonos un grupo de amigos, levamos comida e bebida e imos parar sempre ao mesmo sitio, unha especie de merendeiro situado na parroquia de Pardeconde. Trátase dun lugar ideal, un “locus amoenus” sementado de carballos, cun regato polo medio e presidido por unha construción de pedra á que maiormente se lle chama “chiringo” ou simplemente “bar”. Este ano só nos xuntamos dous dos seis ou sete que adoitamos ir (a xente, xa se sabe, anda ocupada, que se a familia, que se o traballo…) Aínda así pasámolo ben, comemos a fartar, algo bebemos tamén e gozamos do espectáculo e da conversa. O de menos foi que gañara o rallye Monzón e que na segunda pasada do tramo de San Pedro de Rocas circulasen un terzo dos coches inscritos. O de máis, gozar do monte e botar unhas risas cos colegas que por alí apareceron. Tan entretidos estabamos que non tiramos fotos, por iso vos poñemos esta de Javier Paz roubada de www.gzrally.com.
Un amigo mandounos este vídeo por correo electrónico e gustounos tanto que decidimos compartilo. Comprobaredes que o repertorio de tacos, aínda que repetitivo, non ten desperdicio e as referencias musicais tampouco. Seica foi gravado nun bar de Vigo (mágoa non saber onde é para pasarnos por alí e poñernos ao día).
Nota: a redacción deste blog non se fai responsable das opinións, tanto políticas coma musicais, que aparecen vertidas nesta gravación.
Hoxe sábado, pola mañá, achegámonos ata o Festival de Cans, por “cheirar” (coma os cans) que se cocía por alí. Asistimos á actuación da banda do Porriño, cun repertorio cheo de referencias cinematográficas (a Pantera Rosa, 007…), albiscamos caras ben coñecidas da TVG, parolamos con amigos, corremos atrás dos nenos… e aturamos unha chuvia tan necesaria coma molesta. Tamén lles mercamos aos cativos cadansúa chapa da protectora de animais local, que aproveitou o nome cuadrúpede do festival para recadar fondos. Xa que logo, e aínda que só estivemos ata a hora do xantar, podemos afirmar, cheos de razón, que foi un “día de cans”.
Para os que pensan acudir sen coller o ”chimpibus”, que saiban que a organización ciscou planos polos valados para que non se perdan no medio do “agroglamour”.
O 17 de maio tiña que colgar aquí esta fermosa poesía de Celso Emilio. Síntoo, pero, o dito, máis vale tarde ca nunca.
Para compensar a tardanza, déixovos unha interesante adaptación musical dun poema de Álvarez Blázquez feita por Marcos Legazpi e Marta Quintana, a que máis me gustou das recomendadas por paideleo. Podedes ver o resto das “palabras liberadas” na web da biblioteca do Porriño.
DEITADO FRENTE Ó MAR…
Lingua proletaria do meu pobo
eu faloa porque si, porque me gusta
porque me peta e quero e dame a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ó ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ó pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
fala-la fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.
Eu faloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente que sufren longo
unha historia contada noutra lingua.
Non falo prós soberbios, non falo prós ruíns e poderosos, non falo prós finchados, non falo prós estupidos, non falo prós valeiros, que falo prós que aguantan rexamente mentiras e inxusticias de cotío; prós que súan e choran un pranto cotián de volvoretas, de lume e vento sobre os ollos núos. Eu non podo arredar as miñas verbas de tódolos que sufren neste mundo. E ti vives no mundo, terra miña, berce da miña estirpe, Galicia, doce mágoa das Españas,